O pavillón central da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo acolle do 17 de setembro ao 17 de novembro de 2026 a exposición Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular. Trátase dun panorama, organizado en catorce paneis verticais, dalgunhas das máis relevantes personalidades femininas da Baixa Idade Media, que se transforman en personaxes literarias desde o seu propio tempo histórico ata a actualidade. Ao mesmo tempo, pode visitarse e consultarse na Biblioteca da FFT una selección bibliográfica sobre os temas, motivos e personaxes que figuran nos carteis, con especial atención ás novelas históricas do século XXI que rescatan a pegada e o legado de nomes de muller esenciais na historia e na literatura.
A exposición, que conta coa colaboración da Biblioteca da Universidade de Vigo e co traballo do persoal da Biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución, está organizada e comisariada polos profesores Montserrat Ribao Pereira e Antonio Chas Aguión, do Instituto LINGUA (Grupo de Investigación Ediciones y Estudios de Literatura Española), ao abeiro do proxecto PID2022-136346NB-I00, do plan nacional, e das axudas para consolidación e estruturación GPC da Xunta de Galicia ED431b 2026/40.

